EphysLab investiga as fontes de humidade nun estudo internacional sobre as causas da seca previa aos grandes incendios de Australia

Os resultados do traballo veñen de ser publicados na revista ‘Science Advances’

A revista Science Advances recolle no seu último número un estudo internacional centrado na análise da seca de Tinderbox, no sueste de Australia, que precedeu aos grandes incendios nese país a finais de 2019 e principios de 2020. Entre as e os autores dese traballo está Milica Stojanovic, investigadora do grupo EphysLab (Environmental Physics Laboratory), grupo do Campus Auga, pertencente á Facultade de Ciencias do campus de Ourense e ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

O estudo, titulado Australia’s Tinderbox drought: an extreme natural event likely worsened by human-caused climate change, foi realizado por 22 investigadoras e investigadores “de varias institucións de renome global”. Nel analizáronse concretamente as características e causas da seca de Tinderbox (no período de 2017 a 2019), que precedeu ao desastre dos incendios do coñecido como Black Summer. A seca de Tinderbox, explica a investigadora de EphysLab, caracterizouse por déficits de precipitacións na estación fría de ao redor do -50 % en tres anos consecutivos, “algo excepcionalmente improbable no contexto da variabilidade climática natural e que causou danos ecosistémicos e socioeconómicos de enorme magnitude”.

Simulación computacional do transporte de humidade

No traballo realizado a participación de Milica Stojanovic consistiu en investigar as fontes de humidade para a precipitación en Australia e determinar o seu rol na atribución das condicións de seca extrema a través dun modelo de simulación computacional lagrangiano de transporte. “Os resultados amosaron que os déficits de precipitacións debido ao forzamento antropoxénico debéronse a unha redución do transporte de humidade de orixe oceánica en 2017, que se intensificou na estación invernal do ano seguinte, exacerbando a seca en 2018”, comenta a investigadora da UVigo. Ademais, o déficit acumulado de precipitacións sobre a rexión de seca do Tinderbox, engade, tamén conduciu a unha contribución anomalamente baixa de humidade de fontes terrestres en 2018 e 2019, o que intensificou a severidade da seca. Estes déficits de humidade, recolle o estudo, intensificáronse por temperaturas inusualmente altas, déficits elevados de presión de vapor e reducións sostidas na dispoñibilidade de auga terrestre. Así, sinálase no artigo publicado en Science Advances, o forzamento antropoxénico intensificou os déficits de choiva da seca de Tinderbox en arredor dun 18%.

Gráfica sobre as fontes de humidade durante a seca de Tinderbox incluída no artigo de Science Advance

Os resultados da abordaxe das fontes de humidade preséntanse no estudo conxuntamente cunha análise da precipitación asociada a sistemas meteorolóxicos que afectaron a rexión, así como a resposta vexetativa ante as condicións de estrés hídrico. “Os seus resultados confirmaron a importancia desta metodoloxía na atribución da orixe e severidade do fenómeno da seca e abre as portas para o seu uso en futuros estudos sobre predictibilidade deste fenómeno na rexión”, afirma Milica Stojanovic.

O grupo EphysLab destaca, entre outros aspectos, pola súa investigación arredor do ciclo hidrolóxico e o transporte de humidade, baixo a dirección dos catedráticos Luís Gimeno e Raquel Nieto. Neste senso, a participación da UVigo no estudo agora publicado xurdiu polo convite de Anjana Devanand, profesora da University of New South Wales e investigadora do Centro para a Investigación do Cambio Climático de Sidney, tras coñecer traballos previos dos membros de EphysLab neste eido, especialmente un sobre a seca na conca de Murray-Darling, tamén en Australia. Neste marco de traballo, Milica Stojanovic, doutorada pola Universidade de Vigo, centra o seu traballo investigador en EphysLab no fenómeno da seca e a súa relación co transporte de humidade desde rexións fonte oceánicas e terrestres, ademais do rol do transporte de humidade na modulación da actividade vexetativa. EphysLab desenvolve o seu traballo no campus de Ourense, que conta co proxecto de especialización acreditado pola Xunta de Galicia Campus Auga.