A iniciativa combina competencia científica, traxectoria e experiencias colectivas previas para focalizarse e crear novo coñecemento especializado a través da investigación das complexas interaccións biolóxicas, físicas e químicas. Ao tempo deseña formas de pensar, ideas e tecnoloxías novidosas que axuden a promover un cambio de paradigma tanto ao nivel da práctica agroalimentaria como das políticas sectoriais.
O obxectivo final do IAA é converter Galicia nun referente europeo en agroecoloxía e alimentación.
Liñas de especialización
Consta de catro liñas de especialización:
- Saúde e calidade do solo
- Xestión e manexo de cultivos
- Calidade e seguridade alimentaria
- Xestión e valorización de recursos
Equipo
Está integrado por un total de 150 traballadoras e traballadores, 124 deles de carácter investigador, formando parte de 6 grupos de investigación:
- Agrobioloxía ambiental: calidade, solos e plantas (BEV1).
- Enxeñaría Química 4 (EQ4).
- Food and Health Omics (CF1).
- Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1).
- Pranta, Solo e Aproveitamento de Subproductos (BV1).
- Biotecnoloxía e Calidade en Industrias Agroalimentarias e Medio Ambiente (ByCIAMA).
Localización
A sede formal e instalacións principais do IAA están no primeiro andar do Edificio Campus Auga, no Campus de Ourense, ocupando unha superficie de 629,20 m2, dos que 350,90 corresponden a 9 laboratorios. Tamén existen laboratorios asociados ao Instituto noutras partes do Edificio do Campus Auga, no Edificio Politécnico de Ourense ou na Facultade de Bioloxía en Vigo, nos cales o persoal investigador do IAA desenvolve unha parte moi importante do seu traballo.
MISIÓN DO INSTITUTO DE AGROECOLOXÍA E ALIMENTACIÓN
Promover unha contorna de investigación interdisciplinaria e de excelencia con capacidade para ofrecer novo coñecemento e solucións que contribúan a un proceso de transición nun contexto marcado polos grandes cambios globais, incluído o cambio climático, preservando a biodiversidade e contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sostible.