O Campus Auga xa está listo para presentarse á súa acreditación como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia. Co visto bo do seu comité de dirección, o proxecto do campus de Ourense rematou este martes a tramitación interna da documentación que presentará para acadar este selo de especialización e calidade.
A aprobación da documentación tivo lugar na celebración dunha sesión semipresencial do comité de dirección do Campus da Auga, órgano de gobernanza formado por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, como presidente; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, como vicepresidenta, e Roberto Ignacio Fernández, director do Campus da Auga, como secretario. Como vogais están as e os responsables das sete facultades e escolas do campus de Ourense, do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca), do Programa de Doutoramento de Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento e do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación en Ourense (CITI).