O Campus Auga promove unhas xornadas de formación en emprendemento dirixidas ao alumnado universitario

Os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu a celebración das Xornadas de formación para a innovación. O emprendemento do alumnado universitario. Os obxectivos desta iniciativa, indican desde a súa organización, “son alentar o espírito emprendedor entre o alumnado do campus, dándolles asesoramento e traendo a emprendedores para que aprendan deles”.

A actividade conta co apoio e financiamento do Campus Auga e está coordinada por Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz, profesorado respectivamente da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. As xornadas, que son gratuítas, están recoñecidas cun crédito ECTS, ademais de diploma acreditativo.

Segundo explican desde a organización, a iniciativa “quere axudar ao alumnado nas tarefas e resolución de dúbidas para a posta en marcha da súa empresa”, animando a participar nela a todo o estudantado que teña gañas de emprender ou que dubida entre facelo ou non. Sobre o espírito emprendedor universitario, apuntan que “hai alumnado que participa en proxectos nacionais e internacionais coas súa as ideas e son moi ben valoradas” e que poden ser aliciente para que outros estudantes tamén emprendan. Así, a programación das xornadas tamén contará coa participación de emprendedoras e emprendedores que poden axudar co seu exemplo ao alumnado interesado.  

Catro tardes de actividade

A programación dividiuse en catro sesións, cada unha delas cunha duración de catro horas, en horario de tarde, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Arrancou día 20 coa presentación da actividade e o desenvolvemento da primeira unidade formativa, centrada na idea de negocio, da súa avaliación e diagnose inicial, impartida pola profesora Nuria Rodríguez. O día 21 as xornadas afondaron, da man do profesor Diego Rodríguez-Toubes, no modelo de negocio, na súa conceptualización, enfoques e deseño, e en ferramentas como lean startup e lean canvas.

A terceira das sesións tivo lugar o 27 de febreiro cunha temática sobre a promoción e márketing. A profesora Noelia Araújo explicou conceptos básicos de marketing, de investigación de mercado, de estratexias de marketing para o emprendemento e de construción de marca. A iniciativa finalizou o día 28 cunha unidade formativa sobre contabilidade e finanzas a cargo do profesor Ernesto López-Valeiras. Nela abordáronse conceptos básicos de alfabetización financeira; os estados financeiros; as fontes de financiación; a contabilidade de custes; indicadores de medición do rendemento e boas prácticas. Tamén se presentou un libro sobre emprendemento no que participan boa parte do panel de relatoras, relatores e organización desta actividade.