Entregados os VI Premios Campus Auga

A Universidade de Vigo celebrou o luns 10 de febreiro a entrega dos VI Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga. Nesta edición, son once os traballos realizados por persoal docente e investigador e alumnado da UVigo galardoados e nos que se aborda, en diferentes formatos, temas de alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión de recursos hídricos.

O acto de entrega contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, e Nicolás Esmorís, director xerente de Viaqua. Na súa intervención, o reitor destacou que estes premios distinguen “unha escolma” do talento existente no campus de Ourense. Neste senso fixo fincapé na importancia de recoñecer e pór en valor con iniciativas coma esta o talento investigador que agroma na institución académica, xa sexa formado nela ou captado, pois, indicou, “a sociedade do futuro é unha sociedade do coñecemento” e baseada nas capacidades. Manuel Reigosa salientou ademais o potencial do Campus Auga como “unha ferramenta única e competitiva” para o desenvolvemento de Ourense. Pola súa banda, Nicolás Esmorís salientou que son xa seis anos de participación de Viaqua nestes premios e puxo en valor a colaboración público-privada para avanzar na innovación, no desenvolvemento e na sostibilidade e afrontar os retos que hai no eido dos recursos hídricos.

Vídeo do evento de entrega de premios

Os Premios Campus Auga están convocados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados a través dos convenios que ten a UVigo coa empresa Viaqua Xestión Integral de Augas de Galicia SAU e tamén coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para financiar o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. Dotados cun orzamento total de case 9000 euros, os galardóns teñen como obxectivo recoñecer e estimular os esforzos das e dos investigadores que contribúan a desenvolver o Campus Auga.

Once traballos galardoados

No caso de traballos fin de grao e mestrado nesta edición son catro as propostas premiadas. Hai galardoado un traballo fin de mestrado centrado na avaliación do efecto do funxicida tetraconazol sobre o lévedo Saccharomyces cerevisiae EC1118™ mediante unha aproximación metabolómica, realizado por Laura Gallego e titorizado por Raúl Iglesias e Elena Martínez. Tamén está premiado un traballo fin de grao sobre a síntese, caracterización e aplicación de biochar e hydrochar como catalizadores na produción de hidróxeno, realizado por María Bolaños e titorizado por Aida María Díez e Marta María Pazos, e outro sobre as proxeccións futuras de caudais extremos nas principais cidades da conca do Miño-Sil, feito por Sabrina Hernández e titorizado por Diego Fernández e María Teresa de Castro. Por último, outórgase un accésit ao TFG Claro coma a auga: unha nova vida para os residuos agroindustriais destinada á descontaminación de fármacos en augas residuais mediante adsorción e posterior degradación dos contaminantes, de Verónica Laíño e titorizado por Aída María Díez e Marta María Pazos.

Polo que respecta á modalidade de teses de doutoramento concédense dous galardóns: un a Impacto das tetraciclinas sobre as comunidades microbianas de solos agrícolas, de Vanesa Santas e dirixida por Manuel Arias e David Fernández Calviño, e outro a Modelos territoriais de aproveitamento dos recursos termais en Europa, tese de José Ángel Vázquez Barquero e dirixida por Santiago Lago e Pedro Araújo.

Os VI Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga tamén distinguen as mellores contribucións científicas, concretamente a varios artigos publicados en revistas destacadas. Trátase de Metal and metalloid profile as a fingerprint for traceability of wines under any Galician protected designation of origin, de Cecilia Araceli Martínez, Gonzalo Astray, Juan Carlos Mejuto e Jesús Simal; e Projected changes in atmospheric moisture transport contributions associated with climate warming in the North Atlantic, de José Carlos Fernández, Albenis Pérez, Jorge Eiras, Raquel Nieto, Luis Gimeno e Stefan Rahimi-Esfarjani. Ademais, concédese un accésit a Use of Three Different Nanoparticles to Reduce Cd Availability in Soils: Effects on Germination and Early Growth of Sinapis alba L., de Rocío González, Andrés Rodríguez, David Fernández, Manuel Arias e Daniel Arenas.

Polo que respecta aos premios aos mellores resultados de transferencia dúas son as propostas distinguidas: os proxectos Bioprocesado de insectos para a obtención de novas proteínas de alto valor nutritivo, participado por José Manuel Salgado e José Manuel Domínguez, e VitiCast: solucións innovadoras para predición de enfermidades fúnxicas en vide, participado por María Fernández e Francisco Javier Rodríguez. A modalidade de divulgación quedou deserta.

As e os galardoados recolleron os seus diplomas da man de autoridades presentes, participando no acto Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural; Rosendo Fernández, deputado provincial; Tamara Silva, concelleira de Educación e Xuventude; Emilio Domínguez, secretario xeral da Confederación Hidrográfica Miño-Sil; Manuel Pardo, delegado da Xunta de Galicia en Ourense; Eladio Santos, subdelegado de Goberno en Ourense; Isaac Fernández, xestor de proxectos de Viratec; Juanjo de la Cerda, CEO de Clusaga; Santiago Tauntón, director de Recursos Humanos de Coren, e Leticia Rodríguez, directora de Innovación de Viaqua. O acto rematou cunha actuación da mezzosoprano Carmen Gabriela Ferrara.