O Campus Auga completou o novo modelo de gobernanza tras ser acreditado pola Xunta de Galicia. Unha vez constituído o novo órgano de goberno que supuxo a posta en marcha do Consello Reitor, chegou a quenda dos órganos consultivos: un Comité de Persoas Expertas e un Comité Socio-Empresarial.
O papel destes dous novos órganos é asesorar o Consello Reitor e participar en diferentes comisións e iniciativas do mesmo, tendo como obxectivo específico actuar como “garantes do correcto cumprimento dos obxectivos e accións propostas no desenvolvemento da estratexia do Campus Auga”. Na súa constitución participou o reitor da UVigo, o vicerreitor do Campus de Ourense –Francisco Javier Rodríguez– e o director do Campus Auga –Roberto Ignacio Fernández–. O Comité de Persoas Expertas constituíse de xeito virtual, tendo en conta a dispersión xeográfica dos seus membros, e o Comité Socio-Empresarial de xeito presencial, no edificio Campus Auga.
O Comité de Persoas Expertas
Integrado por profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos científicos das temáticas do Campus Auga, como son a alimentación funcional, a agricultura e medio ambiente e a xestión da auga. Está formado por Lilian Bouçada de Barrros, do Instituto Politécnico de Bragança (Portugal); Raúl Zornoza Belmonte, da Universidad Politécnica de Cartagena (España); Francesco Sindico, da University of Strathclyde de Glasgow (Escocia); Seid Mahdi Jafari, da Gorgan University of Agricultural Sciences and Natural Resources (Irán); Fabrizio Araniti, da Universitá degli Studi di Milano (Italia); Ana Rodríguez-Mateos, do Kings College London (Inglaterra), e Juan J. Gestal Otero, Felipe Macías Vázquez e Juan M. Lema Rodicio, os tres da Universidade de Santiago de Compostela. Terán, entre as súas funcións a de participar en diferentes comisións do Campus Auga e na elaboración do próximo plan estratéxico deste proxecto de especialización.
O Comité Socio-Empresarial
Agrupa a asociacións empresariais e empresas, clústeres e sector público relacionados coas temáticas do Campus Auga. Forman parte a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal); a Área de Turismo Termal da Xunta de Galicia; o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia (Auga de Galicia); o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga); o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec); o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico en Ourense-Inorde (Deputación de Ourense); o Grupo Caldaria; o Grupo Cuevas; Cooperativas Ourensanas, S. Coop. Galega e Bodegas Gallegas. Entre as súas funcións estará participar na elaboración do próximo plan estratéxico do Campus Auga e contribuír a potenciar a empregabilidade das persoas egresadas en temáticas relacionadas con este proxecto.