UVigo e Deputación lanzan unha nova edición da convocatoria de axudas, dotadas con 59.000 euros para financiar proxectos de investigación que contribúan ao desenvolvemento da provincia
A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense presentaron o luns 6 de marzo a convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense INOU-Campus Auga, que amplía de 47.000 a 59.000 euros o seu orzamento. A iniciativa, ademáis de apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, tamén teñen por obxectivo a especialización do campus de Ourense como Campus Auga.
A convocatoria persegue impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense dos diferentes ámbitos de coñecemento e ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo – o máis novo e quen teña máis dificultades para acudir a outras convocatorias– poida pór en marcha os seus proxectos e contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación.
Poden beneficiarse destas axudas persoal investigador que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria e que formen parte dun grupo de investigación da Universidade de Vigo. Cada grupo de investigación só pode liderar unha solicitude e os proxectos realizaranse de forma individual, cun ou dous investigadores ou investigadoras principais e un equipo de investigación proporcional coas tarefas a realizar. Poderase incluír persoal investigador de ámbitos diferentes, valorándose a multidisciplinariedade. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 24 de marzo.
Tal e como se explicou na rolda de prensa, a convocatoria do pasado ano financiou seis proxectos de áreas de coñecemento e grupos de investigación moi diversos que acaban de rematar a súa execución. Estiveron centrados nas implicacións ambientais, agrícolas e económicas do uso nanoagroquímicos cara unha produción alimentaria sostible de Solanum tuberosum L; a caracterización de micro e nanoplásticos de mostras recollidas nos recursos hídricos da provincia de Ourense e o seu aproveitamento empresarial, social e concienciación; as chaves de éxito da sustentabilidade das empresas ourensáns, a transformación dixital e a aplicación das novas tecnoloxías. Tamén se financiaron traballos sobre e a intelixencia artificial á resolución de conflitos en materia medio ambiental, con especial referencia á explotación e protección dos recursos hídricos na provincia de Ourense; sobre a avaliación da viabilidade do estudo das habilidades expresivas, con aplicación ao rendemento educativo e deportivo, mediante a localización en interiores de deportistas por medio de tecnoloxías de posicionamento con UAV e sobre o aproveitamento das podas da oliveira procedentes de variedades autóctonas galegas e a súa valorización para a obtención de compostos de valor engadido.
Publicación dos proxectos INOU 2021
No acto tamén se presentou unha publicación electrónica de acceso libre que recolle os traballos realizados ao abeiro da convocatoria INOU no ano 2021. Entre os traballos recollidos están a análise da evolución recente da oferta aloxamento turístico na provincia de Ourense e dos novos patróns de conduta da demanda nun contexto de irrución do fenómeno das vivendas de uso turístico e a análise estatística do mercado de aloxamento turístico da provincia de Ourense dende unha nova perspectiva. Tamén hai estudos sobre a detección automática de momentos de risco alérxico da poboación ourensá, o padrón de comportamento dos e das adolescentes ourensáns en relación co uso dos videoxogos e a evolución histórica da implantación dos videoxogos na sociedade ourensá dende os anos 80 ata a actualidade. Un achegamento ás prácticas educativas e ás necesidades nos colexios rurais agrupados de Ourense e as habilidades para aprender neles dos e das escolares é outra das temáticas abordadas. Por último, a publicación tamén recolle unha aproximación á represión económica na provincia de Ourense a partir dos expedientes de responsabilidades civís e políticas e os lugares da represión franquista.