A actividade, que forma parte do proxecto de especialización do campus de Ourense, celebrouse o xoves 13 e o venres 14 de outubro na Facultade de Dereito do Campus de Ourense. O IV Congreso Internacional da Auga, co lema Dereito e Auga no Horizonte 2030. É unha cita científica bianual que nesta ocasiónse centrou na análise dos recursos hídricos desde unha perspectiva xurídica, reunindo a especialistas estatais e internacionais neste eido procedentes de entidades públicas e privadas.
Reigosa: “Temos na auga unha riqueza para o futuro moi importante”
Na inauguración, o reitor, Manuel Reigosa, subliñou que se trata “dun congreso moi importante para o campus de Ourense, xa que agora mesmo estamos involucrados na súa acreditación como Campus Auga”. Agradeceu a implicación da Facultade de Dereito, encargada da organización, e das áreas que imparten docencia, agradecemento que tamén fixo extensible ás entidades públicas e privadas colaboradoras. O reitor salientou o papel que a auga, como “ben imprescindible, de primeira necesidade” pero tamén escaso, xoga e xogará no desenvolvemento da humanidade. Neste contexto, destacou a pertinencia da temática elixida para esta cuarta edición do congreso do Campus Auga xa que, dixo, “o dereito ten unha importancia capital no ámbito da auga, entendida como un dereito humano de primeira necesidade, como algo que temos que repartir de maneira xusta”. Igualmente, Reigosa apuntou o acaído de vincular o programa coa Axenda 2030 “porque probablemente un dos problemas que vai a ter a humanidade máis acuciantes durante as próximas décadas ten que ver coa auga, coa súa escaseza e contaminación”. Sendo conscientes de que en Galicia “temos na auga unha riqueza para o futuro moi importante”.
Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, engadiu que esta celebración supón un fito “importante, significativo, para a nosa facultade e para o noso campus”. Este cuarto congreso, indicou, “pretende ofrecer (na liña dos tres congresos anteriores, organizados por outras facultades do campus con periodicidade bianual) un punto de encontro entre expertos de distintos ámbitos para debater sobre auga, medio ambiente e sostibilidade”. A responsable académica lembrou que a auga, “recurso natural de primeira necesidade e de importancia mundial, define o campus de Ourense como Campus Auga” e este congreso pretende abordala de xeito inter e multidisciplinar, contando coa participación de 12 especialistas internacionais, investigadores, profesionais e técnicos, e a asistencia de 60 persoas. Neste senso, subliñou a necesidade de analizar a eficiencia e sostibilidade da xestión da auga desde o prisma do dereito, lembrando os problemas xurídicos que deben afrontar os proxectos e iniciativas públicas e privadas neste eido.
Pola súa banda, César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, e Armando Ojea, tenente alcalde do Concello de Ourense, lembraron as problemáticas relacionadas coa escaseza de auga que xa afrontan as administracións e amosaron o seu desexo de que este tipo de iniciativas contribúan a “mellorar a eficiencia na xestión destes recursos”. Ademais, Javier Puertas, director xurídico de Viaqua, apuntou a importancia neste senso da colaboración público-privada. Ao acto de inauguración tamén asistiron Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria; responsables de centros do campus de Ourense e o director do Campus Auga, Roberto Ignacio Fernández.
Acceso á auga e ao saneamento, dereitos básicos para unha vida digna
O IV Congreso Internacional da Auga aborda retos específicos da gobernanza da auga no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. Concretamente, a programación estruturouse en dúas sesións, con intervencións centrais de 12 especialistas estatais e internacionais, seguidas de deliberacións, debates e comunicacións ao redor de tres paneis temáticos, como son o dereito á auga; auga e sostibilidade e xestión da auga. Ao longo das sesións tratáronse temas como o acceso á auga e o saneamento como dereitos indispensables para unha vida humana digna, medidas para combater a contaminación e o quecemento global, a xestión sostible da auga, os seus usos e boas prácticas, a planificación hidrográfica ou a fiscalidade. Para falar destas cuestións, as conferencias do congreso correron a cargo de especialistas de diferentes universidades estatais, como as de Valladolid, Murcia, Elche, Barcelona, País Vasco, Tarragona e Zaragoza, ademais da UVigo, e da University of Strathcly de Glasgow e do World Bank.
A conferencia inaugural, titulada Augas subterráneas: un recurso natural invisible pero necesario en tempos de emerxencias climáticas, foi ofrecida por Francesco Sindico, catedrático de Dereito Internacional na facultade de dereito da Universidade de Strathclyde (Glasgow, Reino Unido) e director de Climate Change Litigation Initiative (C2LI). Na súa presentación Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público da Universidade de Vigo, subliñou do relator que “é un experto internacional en ordenamento de augas”, colaborando activamente coa Unesco e sendo asesor xurídico en controversias internacionais sobre a temática das augas subterráneas, augas que representan ao redor do 97% da auga doce do planeta e son fundamentais para o abastecemento da poboación mundial e dos ecosistemas.
Francesco Sindico falou de “augas subterráneas en tempos de emerxencia climática”, presentado ao público a relación entre ambos factores. “A relación é tanto física como xurídica. A nivel científico necesítase entender mellor os efectos do cambio climático sobre a calidade e cantidade de auga en xeral e de auga subterránea en particular”, dixo. Porén, engadiu o experto, “tamén se precisa entender mellor que a auga subterránea e a súa xestión sostible ten un valor moi importante para a adaptación ao cambio climático”. O catedrático delineou o marco normativo internacional do cambio climático e das augas subterráneas afirmando que “aí o que vemos é que hai unha descoordinación a nivel internacional: hai moitas iniciativas, moitos tratados internacionais, vinculantes, non vinculantes, pero a miúdo, non se falan entre eles. Precísase unha coordinación maior”. A nivel nacional, engadiu, “o que se precisan son medidas claras, leis informadas pola ciencia, pola participación pública, e que teñan un sistema de resolución de controversias que permita tanto ao usuario da auga como ao provedor da auga ter certeza, que permita investimentos e que permita ao usuario estar seguro de recibir a cantidade e a calidade correcta de auga”. Durante a súa conferencia tamén falou sobre tendencias xurídicas no tema abordado, pondo o foco en temas como a dotación de personalidade xurídica a estes recursos, citando o caso en España do Mar Menor.