Diagrama do programa IPICA

Recibidas as propostas de proxectos no Negociado de Apoio á Investigación do Campus de Ourense, este remitirá semestralmente á Comisión de Selección de proxectos as propostas recibidas, co obxecto de que valore a elixibilidade dos proxectos.

Os semestres que supoñen o peche de ciclo para someter á avaliación os proxectos presentados son os que seguen: de xaneiro a xuño e de xullo a decembro.

A Comisión de Selección estará constituída polo vicerreitor do Campus de Ourense, o responsable da Área de Investigación do Campus da Auga, o Técnico de Innovación do Campus de Ourense e o xefe de Negociado de Apoio á Investigación do Campus de Ourense. Esta comisión poderá apoiarse para o proceso de elixibilidade nos comités executivos dos Clúster 1 e 2 do Campus da Auga.

Á vista dos proxectos recibidos, a Comisión de Selección procederá a clasificar as propostas en tres grupos:

  • Grupo de propostas que non cumpren cos criterios de elixibilidade. Para as propostas incluídas nesta categoría, a Comisión levantará acta que será remitida ao vicerreitor do Campus de Ourense, para que este emita cartas motivadas de desestimación do proxecto.
  • Grupo de propostas que, aínda non cumprindo cos criterios de elixibilidade, están próximos en temática con outras propostas recibidas nesa convocatoria ou anteriores. Para estes proxectos, a Comisión levantará acta que será remitida ao vicerreitor, para que convoque ao persoal investigador a unha reunión co obxectivo de tentar unificar as súas propostas nunha soa. Esta proposta será redactada de novo e remitida ao Negociado de Apoio á Investigación do Campus de Ourense.
  • Grupo de propostas que compren cos criterios de elixibilidade. Estas propostas serán remitidas ao Clúster correspondente, para que emita un informe en relación coa calidade da proposta, que se enviará ao persoal investigador promotor para que, se procede, realice as modificacións pertinentes que melloren a proposta. Unha vez mellorada a proposta, se procede, o persoal investigador promotor a remitirá ao Negociado de Apoio á Investigación do Campus de Ourense, para a súa avaliación por parte da Comisión de Dirección dos Clúster do Campus da Auga. Posteriormente, convocarase ao equipo investigador participante no proxecto a unha reunión para trazar unha estratexia de financiamento do proxecto institucional IPICA.

Resolución e notificación

O vicerreitor do Campus de Ourense comunicará, por escrito e de forma motivada, as decisións tomadas pola Comisión de Selección ou pola Comisión do Clúster no que encaixe a temática do proxecto.

Os proxectos que, xa sexa na primeira fase ou na segunda, non sexan seleccionados como proxectos IPICA, poderán ser outra vez presentados e serán de novo avaliados, sempre e cando na nova proposta se teñan en conta os motivos de non selección que se fagan constar na comunicación motivada remitida polo vicerreitor do Campus de Ourense.

Os grupos beneficiados deberán aceptar por escrito a súa participación na última fase, entenderase como renuncia o incumprimento deste requisito.