III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida

Os días 18 e 19 de setembro Ourense acollerá a celebración do III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, iniciativa bianual que forma parte do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A cita celebrarase unha vez máis no marco da feira Termatalia, que terá lugar do 19 ao 20 de setembro en Expourense.

O simposio conta coa organización xunto á Vicerreitoría do Campus de Ourense do Concello e a Deputación de Ourense e Expourense. A iniciativa, indican desde a súa organización, xorde como unha proposta coa que se pretende “consolidar un evento científico de gran relevancia que permita incrementar o potencial de desenvolvemento do proxecto de especialización do Campus da Auga pero tamén o desenvolvemento termal da provincia e a cidade de Ourense”. As augas mineromedicinais e termais, detallan, constitúe unha área de alto interese científico dentro dos ámbitos de especialización do Campus da Auga e Ourense destaca á súa vez por ser unha das provincias con maior tradición termal e de balnearios da península.

Como presidenta do comité organizador, Ana Mª Torrado, directora do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga, sinala como este “encontro internacional obedece por unha banda á estratexia de internacionalización do campus e por outra cumpre un dos seus propósitos de achegarse ao sector socioeconómico, grazas neste caso á súa celebración en paralelo con Termatalia”. Recalcando como esta cita “é xa un referente do Campus da Auga”, Ana Mª Torrado destaca como o simposio “significa pór en valor o que se está facendo no campus e na universidade no eido do termalismo, tanto en relación coa calidade de vida e o benestar como co turismo e a economía, e coñecer o que se está facendo fóra, para poder así avanzar, establecer colaboracións e adquirir máis coñecemento”.