Convócanse os II Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga

A convocatoria dos II Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga, feita pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, xa está aberta. O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a actividade de persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo. Os galardóns están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco dun convenio de colaboración asinado recentemente entre esta empresa e a institución académica. O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de setembro de 2019.

Segundo recolle a convocatoria, esta iniciativa xorde “dentro da política de impulso e fomento do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga” e coa finalidade de “recoñecer e estimular accións relevantes” nos eidos que contemplan os galardóns e que contribúan á promoción deste campus. Con estes galardóns, indícase, “recoñécese o valor que o Campus da Auga outorga ao esforzo do persoal docente e investigador, persoal investigador e alumnado no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación científica en temáticas da auga e outras relacionadas, como a sustentabilidade, o medio ambiente, o sector agroalimentario ou a economía circular. “Trátase de contribuír desta forma a mellorar a proxección investigadora e social do campus de Ourense como un campus líder nestas temáticas”, sinálase na convocatoria.

Ler a nova completa no DUVI