Catro traballos acadan os III Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga

Os III Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga 2020, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, xa teñen gañadores e gañadoras. Nesta ocasión, son catro os traballos relacionados coa auga premiados: unha tese de doutoramento do eido científico-tecnolóxico, un traballo fin de mestrado de arqueoloxía e dous artigos, un do ámbito xurídico e outro do científico-tecnolóxico. Os galardóns, que se entregarán nunha gala que está previsto que se celebre este mes de marzo se a situación sanitaria o permite, están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco do convenio de colaboración existente entre esta empresa e a Universidade de Vigo.

Extracción de compostos e cerámica prehistórica

O galardón á tese de doutoramento máis destacada foi para Microwave hydrodiffusion and gravity (MHG)-Extraction and characterization of compounds with antioxidant properties, da investigadora do Grupo EQ2 Lucía López. Realizada na Facultade de Ciencias baixo a dirección de María Dolores Torres, a tese demostra o potencial que ten “a emerxente tecnoloxía MHG con diferentes recursos agroforestais, subprodutos alimenticios e algas mariñas, para extraer compostos de alto valor engadido con propiedades antioxidantes”. Os extractos obtidos mediante esta tecnoloxía “verde” foron incorporados á formulación de distintos produtos de coidado persoal e hidroxeles. O seu estudo enmárcase “no crecente interese polos compostos antioxidantes e bioactivos e a súa obtención dun modo eficiente e eficaz desde o punto de vista económico, ambiental e de calidade”.

Ler a noticia completa no DUVI