A UVigo e o Instituto Politécnico de Bragança ofertan un Curso de Especialista Internacional en Termalismo e Spa

A Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) poñen en marcha un Curso de Especialista Internacional en Termalismo e Spa. O seu obxectivo é proporcionar ás persoas inscritas coñecementos teóricos e prácticos sobre termalismo e hidroterapia desde un punto de vista holístico, abranguendo “todos os aspectos relacionados con este importante sector económico, turístico e de saúde”. O prazo de preinscrición xa está aberto.

No campus de Ourense, a formación está organizada desde a Facultade de Educación e Traballo Social, co profesor José María Faílde á cabeza, e desde a Escola Universitaria de Enfermaría, coa profesora Mª Reyes Pérez na coordinación, e no marco do proxecto de especialización do Campus Auga. Segundo explican os responsables do curso, “o título propio Especialista Internacional en Termalismo e Spa nace para ocupar un lugar destacado na oferta de formación posgraduada do Campus da Auga. Este campus, especializado como o seu nome indica en todos os aspectos nos que a auga ten protagonismo, oferta este curso para dar resposta académica á demanda dos alumnos e alumnas egresadas e dos profesionais do sector”. A idea de ofrecer esta actividade sobre termalismo, detallan os seus coordinadores, partiu do Instituto Politécnico de Bragança “e como encaixaba á perfección cos contidos do Campus Auga e coas características definitorias da nosa cidade e provincia, decidiuse abordar esta formación”.

Ler a noticia completa no DUVI