A celebración do Día de Rosalía pasa este ano a formato virtual

Un ano máis, e van cinco, o campus de Ourense unirase este 24 de febreiro á celebración do Día de Rosalía, conmemoración posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, as actividades a desenvolver serán nesta ocasión virtuais e prolongaranse ata marzo.

“Cremos que reivindicar a voz da escritora fundacional da literatura galega contemporánea é unha necesidade e unha forma tamén de crear cohesión social e de recoñecérmonos e reivindicármonos”, comenta Isabel Mociño, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social en nome da organización. Tendo en conta a perda de falantes entre as novas xeracións que se está producindo, a docente sinala a importancia de, desde esta facultade, concienciar ao seu alumnado, futuros mestres e mestras, da importancia de transmitir a lingua e a cultura galegas. Este ano, explica Isabel Mociño, “dada a particular situación que temos e que nos impide levar a cabo actos presenciais, decidimos que as tres actividades principais que imos desenvolver arredor do Día de Rosalía van a consistir en material audiovisual creado por membros da comunidade universitaria”. Os materiais publicaranse na páxina web da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense a partir do 24 de febreiro e durante as seguintes semanas, prolongándose a acción ata marzo. Nas actividades colaboran a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística e a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, ademais da propia Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Ler a noticia completa no DUVI
Ver o evento